Skip to content Skip to footer

Biblioteca

Rehabilitación da Casa Consistorial de Lalín para destinala a Biblioteca Municipal

Praza do Concello Nº1, Lalín, Pontevedra

Memoria

Tralo traslado da administración municipal ó “Castro Tecnolóxico” de Mansilla e Tuñón, a antiga Casa Consistorial e os locais circundantes (baixos comerciais alugados polo Concello) fican baleiros e sen uso.

Decídese rehabilitar integralmente a vella Casa do Concello para darlle o uso de Biblioteca Municipal, como primeira medida de reordenación e rexeneración urbana do degradado “Barrio de Abaixo”, núcleo tradicional de carácter rural, orixinario do Lalín actual.

A edificación contaba con unha protección de tipo “ambiental”, moi permisiva. Ademais, nos seus 160 anos de historia, sufriu sucesivas e agresivas modificacións (forxados de formigón de baixa calidade, falsos teitos uns por baixo dos anteriores, compartimentacións excesivas…). Optouse por basear a intervención en dous eixos: funcionalidade do uso bibliotecario, conxugada coa análise crítica das preexistencias para a súa modificación ou conservación.

Respecto á funcionalidade, se distribuíron as áreas de tal xeito que se conseguise unha optimización do espazo, permitindo unha grande cantidade de usos simultáneos (así como diversas formas de entender unha Biblioteca) procurando sempre que non interferisen entre sí.

En planta primeira se sitúan os usos tradicionais de biblioteca: a entrada principal, atención e despacho do persoal, consultas, fondos, e salas de lectura, tendo en conta os diversos usos que se lles pode dar ás mesmas: existe unha principal, de lectura, estudo e consulta (digamos o uso habitual nunha biblioteca), dúas a porta pechada (unha de máximo silencio e concentración, pensada para opositores e similares, e outra lixeiramente ruidosa, na que se permitiría falar para facer traballos en grupo), e no medio destas dúas, a de lectura de prensa, con boas vistas ó exterior. Sobre esta planta existe un altiño de instalacións, oculto.

Na planta baixa se dispoñen os menos “silenciosos” (e/ou que precisaban menos luz, dados os ocos existentes): salas infantil e audiovisual (estas orientadas a sur para obter luz), consulta informática, aseos, cuarto de instalacións, almacenaxe e un salón de actos con capacidade para 60 persoas destinado a cursos, presentacións, proxeccións…

As aperturas espaciais efectuadas no interior permiten a entrada da luz natural a tódolos espazos da edificación, antes moitos deles escuros, sen precisar da apertura de novos ocos ou modificar os existentes, e determina a ubicación dos novos usos.

Buscouse manter a identidade da edificación recuperando elementos coma estruturas de mampostería e madeira, carpinterías, ferraxería, a porta de forxa dos antigos calabozos… foi imposible noutros casos, coma no falso artesoado do vello salón de plenos (resultou ser de paneis prefabricados moldeados de fibrocemento con amianto), substituído por un novo (absorbente acústico), esta vez de carballo (démoslle ó salón de plenos o teito de madeira que quixo ter no seu día e non puido).

Os materiais e cores nos que se basea a actuación son a cor do granito silvestre, reproducida nos pavimentos continuos, os grises da forxa, e o branco, puro, das paredes e dos encalados, que busca a luminosidade espacial, coma se dun laboratorio do coñecemento se tratase. A madeira está presente na obra en varias maneiras: na estrutura rehabilitada, ás veces oculta e outras vista; nas carpinterías interiores e revestimentos do ascensor (castiñeiro con un acabado de lasur branco), nas carpinterías exteriores, conxugando a ventá tradicional galega coa folla de perfil europeo; e, sobre todo, no artesoado do antigo salón de plenos, onde se deseñou un panel de carballo macizo que permitise o acondicionamento acústico da Biblioteca, ó tempo que proporciona un carácter especial ó que foi o espazo máis singular do edificio.

A sostibilidade non se deixou aparte por tratarse da rehabilitación dunha edificación protexida. Executouse un sistema de climatización por xeotermia, para o cal foi precisa a perforación de dous pozos dentro da propia edificación; a transmisión do calor ou frío efectúase por chan radiante. No salón de actos optouse por un sistema aerotérmico e climatización por condutos de aire, para permitir un quecemento ou refrixeración rápida dos espazos. Todo isto, xunto coas melloras en illamentos (sobre todo baixo o chan e en cubertas), e un sistema de iluminación de grande calidade e altamente eficiente, permitiron obter unha clasificación enerxética de B rozando a A; o cal, para unha edificación con muros de mampostería de uns 70cm de ancho vistos ó exterior é moi boa clasificación.

Sempre procurando a luminosidade e funcionalidade máximas dentro do preexistente.

Fecha de Inicio10/12/2014Fin de la Obra19/10/2015Superficie Construída685,30m²Superficie útil478,00m²Share