Skip to content Skip to footer

Iglesia Palio

A Igrexa de Santa Baia de Palio atopábase totalmente abandonada e formaba parte da Lista Vermella do Patrimonio de Hispania Nostra. Unha actuación no 2005, consistente na disposición dunha estrutura e cubertas metálicas, evitou a ruina total do inmoble, máis xerando unha imaxe máis que discutible do mesmo.

A igrexa atopábase con varios derrubos nas cubertas, perdéndose a cuberta da ábsida case na súa totalidade, a metade da da sancristía, e o cuberto exterior. As cubertas que se mantiñan atopábanse en moi mal estado, ademais de seren modificadas perdendo a súa configuración orixinal, distorsionando a lectura do monumento. Estaba preto da ruína total.

Preténdíase que a edificación recuperase un volume coherente coa historia da mesma, mantendo a identidade das partes e facilitando a lectura do monumento. Fíxose un estudo histórico partindo da lectura dos paramentos do templo para reconstruír a evolución das obras executadas no mesmo ó longo dos séculos, chegándose a unha serie de conclusións que serían clave na toma de decisións da reconstrución e restauración.

Por tanto, a zona románica recuperaría as cubertas a dúas augas en nave e ábsida, e a sancristía retomaría a configuración de cuberta a catro augas, prolongándose para reconstruír o teito que cubría a súa entrada exterior.
Para reconfigurar o cuberto exterior foi primordial a axuda dos veciños, xa que grazas ás súas lembranzas se puido repoñer tal como estaba orixinalmente. E para independizar os volumes foi preciso facer un “corte” na sancristía, separándoa da ábsida e da nave, mediante un canlón, practicamente non visible dende o exterior, que soluciona o cambio das alturas das cornixas de nave, ábsida e sancristía, asegurando a estanqueidade.
Sen dúbida a actuación máis relevante levada a cabo foi a execución das novas cubertas. Outras actuacións relevantes foron a reconstrución e recuperación das carpinterías, tanto portas cos seus ferraxes coma a estrutura da campá; tamén o acondicionamento e urbanización exteriores, así coma o levantado do solado interior e a súa reposición sobre camas drenantes para evitar a humidade.

As obras se levaron a cabo baixo estritos controis, tanto arqueolóxicos coma a nivel de restauración, tal como estaba previsto, tomando datos e establecéndose conclusións fundamentais de cara a próximas actuacións. Todo o material achado na igrexa, ou atopado durante as obras, se inventariou e se atopa gardado no templo, á espera da súa restauración e posta en valor.

Foi primordial a recuperación do espazo interior do templo, de tal xeito que se procurou recuperar o nivel do chan orixinal devolvéndolle ó Arco Triunfal a súa proporción orixinaria e propiciando que a súa lectura sexa agora coherente; desmontouse a tribuna para sanear as súas pezas e reinstalala na segunda fase das obras.

Nunha segunda fase das obras de restauración executáronse as actuacións de limpeza do adro, talado e poda de árbores; control arqueolóxico; musealización de pezas atopadas; reconstrución da Tribuna recuperando os elementos orixinais como as vigas, a baranda, a escaleira… Reposición de paramentos nas fachadas exteriores e paredes interiores mediante rexuntados e enlucidos de cal. Instalacións de electricidade, iluminación e fontanería. Recuperación e ampliación do enlousado do adro. Reparación e reconstrución dos valados do adro. Restauración das pinturas murais.

Pretendeuse tamén, ademais de protexer e conservar a edificación, que fose máis utilizable. Na sancristía abriuse unha ventá, debido ó axuste da canal de zinc (exteriormente non é visible) orientada a sur, que lle proporciona abundante luz natural; conta tamén con luz, tomas eléctricas, e unha preinstalación de telecomunicacións que permitiría a instalación de elementos explicativos do monumento, ou proporcionar un lugar de reunión ós veciños con acceso á rede. Tratouse de conseguir que, fomentando novos usos na edificación, ademais do relixioso e o monumental, os veciños se impliquen, coma sempre fixeron, no mantemento e recuperación do templo.

A solución construtiva dos teitos pasou pola utilización dun entaboado de anchos variables, lembrando así o entaboado irregular tradicional que tiña a igrexa, ó tempo que simula un elemento tradicional como é o tapaxuntas, pero en negativo. Dita solución empregouse en tódolos teitos, coa particularidade de que na ábsida e na nave empregouse un acabado natural para o castiñeiro, mentres que na sancristía empregouse un lasur branco, procurando así un espazo máis luminoso, destinado a xuntanzas veciñais, exposición das pezas achadas durante a restauración ou dos retábulos existentes cando estean restaurados.

Unha das actuacións máis valiosas entre as executadas foi o control da vexetación existente, de xeito que se conseguiu recuperar a relación entre o templo e a contorna, dominada polo val e o castro ó fondo. A igrexa ficaba antes desconectada do medio ambiente debido ó descontrol das plantacións perimetrais. Foi preciso seleccionar cales permanecerían e cales debían desaparecer para recuperar a relación de interdependecia coa paisaxe.

Rúa Calzada nº 16, baixo 36500 – Lalín – Pontevedra
«Financiado por la Unión Europea – NextGenerationEU. Sin embargo, los puntos de vista y las opiniones expresadas son únicamente los del autor o autores y no reflejan necesariamente los de la Unión Europea o la Comisión Europea. Ni la Unión Europea ni la Comisión Europea pueden ser consideradas responsables de las mismas»

Sustitución del sistema actual de calefacción, por un sistema de climatización más eficiente, compuesto por una bomba de calor exterior y casettes y splits en el interior.

2024 © Arco Consultora Técnica y Proyectos, SLP. | Desarrollado por SiliconDT