A Ponte dos Cabalos ou Ponte do Portádego é un importante enclave a nivel monumental e paisaxístico, unindo os Concellos de Lalín e Agolada facendo posible o paso sobre o río Arnego. Por ela pasaba un Camiño Real que procedente do Vento no municipio de Lalín, atravesaba o de Agolada por Ventosa e Ferreiroa, en dirección a Lugo e Compostela. A súa construción data do ano 970, segundo podía lerse nun pretil, na actualidade perdido, pero cuxa inscrición quedou rexistrada por “Vilariño de Moimenta”. É a única que queda das 6 pontes medievais que enlazaban a comarca do Deza con Antas de Ulla.
O estado de abandono da Ponte e do seu entorno era evidente, con moitos sillares desprendidos dela, vexetación descontrolada, permitíndose o paso de vehículos agrarios pesados… O trazado do Camiño Real conservábase en Lalín, pero en Agolada foi borrado en boa parte pola concentración parcelaria, máis, por sorte, non esquecido polos veciños.
Foi necesario un traballo multidisciplinar, levado a cabo por Historiadores da Arte, Restauradores, Arqueólogos e Arquitecto, definindo as actuacións precisas para a recuperación da Ponte e do Camiño. Os múltiples estudos efectuados tanto para a redacción do proxecto coma durante a execución das obras foron determinando as actuacións detalladas a acometer.
A finais do 2020 levouse a cabo a presente intervención para recuperar este ben patrimonial e poñelo en valor. A maior parte da actuación foi a restauración da ponte, recuperándose pedras caídas ó río e ás súas marxes para repoñelas como pretís; rexuntouse de novo a cantería da ponte e o seu taboleiro, e reconstruíuse o tallamar, logrando con todo elo devolverlle a estabilidade á estrutura. A limpeza das ribeiras axudará ó axeitado desaugue das augas da ponte evitando que a subida do nivel do río afecte á integridade da construción. Máis tamén se procedeu á recuperación do Camiño Real a ambos lados da ponte, redescubrindo o seu trazado, limpándoo e sinalizando o Camiño e os elementos relevantes da contorna; foi precisa unha tarefa de investigación, xunto coa colaboración dos veciños, tanto para procurar a liña do camiño, coma para permitir o paso por terreos agora modificados pola concentración parcelaria no lado agolense. Requiriu dun fondo estudo previo da cartografía, fontes, e traballo de campo tanto no lugar coma de investigación e de conversas con veciños.
O único xeito de abordar o traballo que nos ocupa con perspectiva de éxito baseábase na realización dun traballo en equipo, interconectado e multidisciplinar. Na fase previa á redación do proxecto contouse cun Estudo Histórico efectuado por unha Historiadora da Arte; tamén cun Estudo para a Restauración, redactado por unha Restauradora de Bens Culturais. Pola parte do Arquitecto, efectuouse unha Análise, Diagnose e Propostas de Intervención, acompañado de estudos de lecturas de paramentos, patoloxías, análise de obras con problemáticas similares… Con toda esta documentación, e mediante a súa posta en común entre os diversos profesionais, conformouse un proxecto que dera resposta ás eivas da ponte, do camiño e do seu entorno.
O estudo da vexetación e da conca do río levou a proxectar a limpeza da ribeira nun tramo augas abaixo da ponte. No campo da Arqueoloxía, ademais de contar cun proxecto previo á intervención, durante a execución da obra traballouse man a man entre arqueólogos e Dirección Facultativa: verificouse o trazado do Camiño Real tramo a tramo, analizáronse as fases construtivas da ponte (froito da destrución por parte de riadas, e as reconstrucións posteriores). E, sobre todo, estudáronse as pezas atopadas susceptibles de ter formado parte da estrutura ou outros elementos da construción.
Foi posible a recuperación dunha grande cantidade de material (sillares) depositado nas proximidades da ponte e na ribeira, e mesmo no fondo do río. Efectuouse unha inspección peza a peza por parte de Arqueólogos e Arquitecto, para determinar a procedencia das pezas recuperadas. En base a estudos de obras similares, así coma ás conclusións extraídas da análise dos materiais, efectuouse unha proposta de recuperación dos pretís reais da ponte.
Deste xeito, recuperouse a ponte no estado anterior ós deterioros provocados polo paso de maquinaria (que provocou tanto a apertura de fendas coma a caída sucesiva de case a totalidade dos pretís e mesmo pezas do propio taboleiro), polas enchentes do río (que en épocas moi chuviosas chegaba a pasar sobre o taboleiro da ponte dada a escasa capacidade de evacuación do entorno), e polo paso do tempo.
A optimización do uso do ben e a conservación preventiva: mellorouse o entorno incorporando unha escaleira que permitise un descenso seguro á ribeira, xa que a zona é apta para o baño, e non reunía unhas mínimas condicións para achegarse ó río con seguridade. Os outros elementos de nova implantación son os bolardos que impiden o paso a vehículos rodados á ponte, cun deseño inspirado na pedra do portádego que outorga un dos seus nomes á ponte.