A Rúa do Doctor Don Wenceslao Calvo Garra conta con un só tramo que parte do cruce coa Rúa Antonia Ferrín, aberta non hai máis de cincuenta anos, e descende ata o cruce coa Rúa Principal, eixo estruturante tradicional de Lalín, por corresponderse coa estrada nacional que une Santiago con Ourense. É, tamén, unha rúa de relativamente recente apertura, se ben se atopa totalmente colmatada e alberga moita actividade grazas á súa posición central.
Ten uns 110m de lonxitude, e un ancho variable que ronda os 12m. A área de actuación englobaba unha superficie aproximada de 1.300m2.
A rúa orixinalmente era unha vía pensada fundamentalmente para dar servizo ó automóbil, tanto á súa circulación coma ó aparcamento. Trátase dunha vía de sentido único que contaba con un carril de circulación e dous de aparcamentos. A súa pronunciada sección en U, con pouco ancho en relación coas alturas edificadas, xunto co feito de orientarse no eixo este-oeste fai que non dispoña de moita luz natural. Conta tamén cunha notable pendente, salvando uns 11m de altura.
O Concello de Lalín solicitou unha renovación total da mesma, cambiando o peso da balanza en favor dos peóns, polo que se propón poñer en valor o uso da vía polos seus veciños inmediatos a través dun espazo máis accesible ó cidadán.
Logo, a proposta buscou revertir a situación previa: xerar beirarrúas amplas a costa de unha das franxas de aparcamento, e procurar a luminosidade mediante o uso de pavimentos claros e unha iluminación axeitada e eficiente. Por outra banda, contábase con un orzamento axustado, xa que era preciso renovar e ampliar as redes de servizos urbanos.
O Concello solitaba unha actuación tal que reforzase o uso comercial da rúa. Pero existían fortes condicionantes, dende a propia pendente ata a cantidade de redes de servizos urbanos, e a necesidade de mantelas en funcionamento durante as obras, melloralas e amplialas. Xunto co reducido ancho da rúa, isto fixo que non fose posible proxectar a plantación de arborado.
Polo tanto, e en aras da accesibilidade e funcionalidade da vía, valorase a consecución dunha rúa con plataforma única, a pesares de que en principio continuará sendo rodada, polo que é preciso conxugar ambas situacións. A redistribución da rúa consistiu na redución da vía de circulación e da ampliación dos espazos destinados a peóns. A tal efecto, planteouse dita rúa en plataforma única, de tal xeito que a identificación dos espazos ficase claramente delimitada mediante o uso dos pavimentos e mesmo bolardos. A necesidade da inclusión destes últimos para garantir o axeitado funcionamento da circulación propiciou que se decidise a instalación de elementos luminosos, para que non carecesen de sentido cando a rúa se utilice como peonil. A recollida das augas se leva a cabo a ambas marxes da calzada, resoltos cunha rígola de tal xeito que se integran no pavimento. A área peonil se identificará mediante unha beirarrúa composta por franxas e rematada por bordos e rígola, e a calzada destaca polo formigón branco, se ben se utilizan faixas de granito que cosen ambos elementos para outorgarlles continuidade espacial e visual.
Proxectouse unha rúa que aunase cos materiais as cualidades da zona histórica de Lalín (a rúa Principal, abaixo) coa zona máis actual (Antonia Ferrín, arriba). Buscouse favorecer con materiais claros a reflexión da luz dentro da propia rúa, para evitar a sensación de oscuridade que ofrecía anteriormente.
Ademais, o deseño en franxas procurou establecer unha modulación que, ó tempo que marca espazos e delimita prazas de aparcamento ou zonas de pasos de peóns, ou modula as redes coma o alumeado, logra un efecto óptico de ensanchamento da vía, que parece amosar así unha maior amplitude.
Empregouse, pois, unha modulación marcada por franxas de granito gris alba, intersecadas cos bordos e rígolas do mesmo material, o cal é o que predomina na rúa Principal, abaixo. Nas beirarrúas predomina a baldosa hidráulica granallada, coma na rúa Antonia Ferrín, arriba; pero, ademais, conxúgase con franxas de xisto verde (empregado nas urbanizacións novas de Lalín coma as que rodean ao Castro Tecnolóxico), e tamén de cuarcita, a cal lle proporciona o seu carácter particular. A diversidade de materiais responde tanto ó deseño en faixas coma á necesidade de dispoñer materiais que ofrezan un certo agarre contra o deslizamento, dada a pendente da rúa e as fortes xiadas invernais que caen aquí. No caso da calzada recorreuse a un formigón desactivado pola mesma cuestión, obtendo así carrís cun óptimo agarre; dito formigón se executou con cemento branco, e con árido de cuarzo branco tamén, para obter o acabado máis luminoso posible.
A proposta non só resolve a rúa en sí, senón tamén o encontro coas rúas ás que acomete, para asegurar o funcionamento da vía. A tal efecto, foi posible aumentar os radios de xiro de entradas e saídas, ó tempo que se reducía lixeiramente o ancho do carril para forzar unha circulación máis pausada. Tamén se reducen os anchos de paso do peón sobre a calzada, o que baixa o seu risco e redunda na mellora da seguridade peonil fronte ó tráfico rodado. Os pasos de peóns se resolven cun pavimento diferenciador e claramente identificable, que ao tempo funciona como elemento direccional, integrando a solución no resto da proposta.
O deseño dos pavimentos completouse xunto co deseño tamén de farolas, bolardos e maceteiros de ocultación dos contedores do lixo (que albergan plantas aromáticas e trepadoras). Deseñouse unha liña completa de mobiliario urbano baseado nas lámpadas médicas ou de quirófano, plegables e prístinas (o Doutor Calvo Garra foi un eminente médico), polo que todo o mobiliario se executou en cor branca.
No tocante ás redes de servizos, deixouse unha completa preinstalación de redes eléctricas e de telecomunicacións, con vistas a que se retiren os tendidos aéreos á maior brevidade posible. O alumeado público, que antes contaba con catro farois de máis de dez metros de altura, se proxectou cunha escala moito máis humana, reducindo a altura das novas luminarias e aumentando o número de elementos para manter unha boa iluminación.